Non ao acordo de ccoo e uxt todo o apoio á folga da conserva

Para o 27 e 28 de Xaneiro, e 24 e 25 de febreiro, o sector da Conserva vai a folga polo Convenio. Para o 24 de Xaneiro hai convocada unha Manifestación Nacional, por unha clasificación profesional xusta que rache coa fenda de xénero, nun sector fortemente feminizado, e por unha suba salarial que garanta uns salarios dignos.

Desgraciadamente a unidade sindical que impulsaba as mobilizacións rompeuse tras a reunión da negociadora en Madrid, cando as direccións de CCOO e UXT admitiron como base da desconvocatoria un acordo que só é migallas que a CIG rexeita e mantén as convocatorias. Non se resolven os eidos centrais das reivindicacións, a ruptura da fenda de xénero e os incrementos salariais. No primeiro caso deixa nas mans das empresas o seu recoñecemento, co que a será a arbitrariedade de cada unha a que decida, e no caso dos aumentos salariais, é un insulto ás traballadoras e traballadores.

Sobre que base fan a seguinte previsión de incrementos salariais: un 2,9% en 2025, un 2,5% en 2026, un 2,5% en 2027, un 2,0% en 2028, un 1,5% en 2029 e un 1,5% en 2030, cando os gastos fundamentais das familias traballadoras, a vivenda e a alimentación, disparáronse. No caso da vivenda a previsión é que para o 2026 o seu prezo suba, tanto en compra como en aluguer, entre un 7 e 7.5%, moi lonxe do 2.9% do IPC. Na alimentación, dende o 2020, a suba media dos prezos  foi do 38%, nunha escalada que non ten perspectivas de frearse.

O que as direccións de CCOO e UXT asinaron foi un novo transvase de riqueza dos salarios da clase traballadora aos empresarios pois son eles son os que, a través da “economía de mercado”, marcan os prezos dos pisos, da alimentación e de todos os bens e servizos, e beneficiánse deles.

Mas, porque un pacto a 5 anos, cando a realidade nos di a cotío que ninguén pode predecir o que vai pasar dentro dun ano. Alguén pensaba fai un ano que o mundo ía estar falando da posibilidade dunha III Guerra Mundial? O que estas direccións sindicais asinaron foi un pacto de “paz social” a 5 anos que impida ás traballadoras e traballadores do sector mobilizarse, atándoas de pes e mans nun mundo no que ninguén sabe o que vai pasar dentro dun mes.

Mas a dureza da patronal e as súas esixencias non se cingue á conserva. O marco actual de suba dos gastos militares, de “economía de guerra” para prepararse para unha suposta guerra contra Rusia… (ou quen sexa) incrementa a débeda e o déficit público, con consecuencias sobre os prezos: moitos capitalistas que non ven rendibilidade en investimentos na industria civil, están levando o seu diñeiro á industria militar na que os estados lles garanten beneficios (en Galiza, UROVESA, NAVANTIA, etc.). Ademais, o salario indirecto da clase traballadora, vía pensións, e servizos públicos como sanidade e ensino, vaise vir afectado, debido ao recortes  orzamentarios que poden darse para pagar o rearme e a débeda.

Estes motivos son os que está xerando unha suba das loitas en moitos sectores. Na provincia da Coruña están en loita as traballadoras do Comercio Textil, os do sector do Transporte de Viaxeiros e anúncianse mobilizacións no metal. En Ourense, o sector do metal leva meses en mobilización, a empresa Textil Lonia, etc. Mais non só na empresa privada hai loitas en defensa das condicións de traballo. Na sanidade e no ensino público tamén se están a producir mobilizacións contra os recortes e privatizacións, que teñen a mesma orixe, as políticas de “economía de guerra” que atentan directamente contra os salarios e as condicións de vida. A unión e coordinación de todas estas loitas obreiras dende abaixo é precisa para poder vencer.

A loita da Conserva non é allea a esta situación. Por iso hai que rexeitar o pacto acordado polas direccións de CCOO e UXT, participando activamente nas mobilizacións, partindo da convocatoria de asembleas nas fábricas, e non falsas “asembleas” abertas ás que so poden ir os delgados e delegadas, onde se voten os motivos e a propia folga e así garantir a masividade nos piquetes e nas accións que leven a obtención das xustas demandas, no camiño dun verdadeiro plan de loita que sexa capaz de derrotar os planos da patronal conserveira.

Ademais, consideramos que centras sindicais máis pequenas pero combativas, como a CUT, deben apoiar activamente e axudar a organizar esta folga. Tamén pensamos que hai que impulsar a solidariedade do conxunto do pobo traballador a participar das mobilizacións nas localidades onde se produzan.

Só coa unidade e a soberanía obreira é posíbel obter unha vitoria. Lembremos que os empresarios actúan coordinados, en “confederacións de empresarios” e na propia Xunta. Nós temos que coordinar e unificar as nosas loitas e camiñar na perspectiva dunha sociedade sen explotación nin opresión.

 

POR UN CONVENIO DIGNO NO SECTOR CONSERVEIRO!

POLA UNIÓN E COORDINACIÓN DAS LOITAS PARA VENCER!

TODAS Á MANIFESTACIÓN O 24X E Á FOLGA DO 27 E 28!